Coloquio na Casa do Concello de Mugardos con Bernardo Maiz, Pilar Iglesias Martínez e Dolores Vázquez Filgueiras

A admiración popular pola figura de Pancho volveu encher un auditorio. Desta volta foi o salón de plenos do Concello de Mugardos, onde ducias de persoas acudiron ao coloquio enmarcado nos actos de homenaxe que se están a celebrar co gallo do 60 cabodano da morte de Francisco Martínez Leira, “Pancho”.

César Pena, familiar do guerrilleiro, foi o encargado de abrir o acto en que o historiador Bernardo Maiz aproveitou para facer extensiva a homenaxe a todas vítimas do franquismo en Mugardos. Encetou a súa palestra subliñando o pasado revolucionario da vila, pois en 1936 só Pontevedra e Mugardos tiñan alcaldes comunistas. Recoñecendo a importancia de honrar as vítimas, tamén considerou fundamental falar de resistencia e, por tanto, da oposición armada ao fascismo que a historiografía oficial española se esforza por ocultar e que na Galiza tivo a actividade máis intensa e duradeira de todo o Estado. Segundo os expertos, a segunda guerrilla máis importante sería a guerrilla urbana anarquista de Barcelona.

Na segunda parte da palestra, Maiz debullou os aspectos máis importantes da vida de Pancho desde que fuxira ao monte en 1948 por temor ás detencións masivas nas comarcas de Trasasancos, Bezoucos e Eume producidas polas informacións dun infiltrado chamado Alejo Mora. Algunha das accións de propaganda realizadas por Pancho foron realmente espectaculares como a de encher de bandeiras da República toda a estrada desde Xuvia até Mugardos. Maiz considera a Pancho o último guerrilleiro porque tanto o “Piloto” como o “Curuxás” permanecen vivos, mais agochados nunha inactiva clandestinidade un desde 1951 e o outro desde 1949. Tamén se lembrou da vulnerabilidade en que se achaban as familias demócratas perante o terror franquista. A muller de Pancho foi desterrada a Valladolid, unha filla mandárona a un orfanato a Bilbao e aos fillos pequenos a un orfanato que estaba no Pazo de Mariñán.

Nesta xornada tamén puidemos contar cos testemuños de dúas persoas que coñeceron a Pancho e sofreron nas súas carnes e nas da súa familia a feroz represión fascista. Pilar Iglesias Martínez, sobriña de Pancho, contounos un dos días máis emocionantes da súa vida. Sendo unha nena, de madrugada petou na porta da súa casa un batallón da Garda Civil. Berraban: “Pancho está aquí! Sabemos que está aquí!” A súa nai, Antonia Martínez Leira, respondeulles con toda tranquilidade: “Pois búsqueno”. Remexeron toda a casa, mais non deron encontrado o escondedoiro onde estaba Pancho. Ao se ir a Garda Civil, Pancho saíu e deulle un abrazo a súa irmá. Pilar Iglesias Martínez lembra que choraban como nenos. Aos tres días as forzas de represión voltaron e destruíron a casa, mais Pancho xa voara. Outra anécdota que nos relatou foi como a súa nai estivo sete meses presa por lles conseguir madeira aos guerrilleiros para faceren a cova de Novás. A Garda Civil mesmo lle requisara o carro e unha vaca de nome Paloma que empregara para transportaren os taboleiros do serradoiro. É curioso que chegara a aparecer esta nova na prensa arxentina. A historia de vida de Pilar Iglesias Martínez estivo marcada pola barbarie fascista. Seu pai, Florentino Iglesias Varela, foi asasinado pola Garda Civil o 3 xaneiro de 1949 no lugar de Mandiá (Narón), porque supostamente el e tres persoas máis estaban detidas e tentaron fuxir. Porén, aparecen inseridos na Causa 06/49 os informes da autopsia e nunha nota escrita a lapis aclara que “la mayoría de los tiros fueron en el pecho. Y huían”.

Outra das testemuñas que quixo partillar as súas experiencias foi Dolores Vázquez Filgueiras, filla de Juan Vázquez Loureda “Anido”, enlace da guerrilla condenado a trece anos de cadea e recentemente falecido. Dolores Vazquez Filgueiras o primeiro que louvou foi a grande intelixencia de Pancho. A seguir, comentou unha anécdota simpática que tiña gravada na memoria. Pancho estaba na casa e pola radio soaba Antonio Machín: “Aquellos ojos verdes que nunca besaré”. E Pancho retrocou: “Porque es feo, carallo!” Tamén contou a durísima experiencia da súa familia e a enteireza do seu pai, un auténtico heroe, segundo as súas propias palabras. Recordaba como por setembro vendían un vitelo para poderen ir a Burgos o día da Mercé para visitar o pai na cadea. Tamén relatou como fixeron unha cova na súa casa na zona da adega onde se refuxiaban os guerrilleiros. Entraban por medio dunha trapela camuflada que era moi difícil de atopar, mentres que a saída, á que se chegaba por un pasadizo que atravesaba a estrada, localizábase na beira de enfronte. Un 18 de xullo de 1951 a Garda Civil descobre o agocho e esparexe gasolina pola casa. Ao final non lle prenden lume e, aproveitando a confusión, tres guerrilleiros dan fuxido. Entre eles estaba Josefa Gallego Abeledo, mugardesa armada pertencente á IV Agrupación.

O pai de Dolores Vázquez Filgueiras, Juan “Anido”, ten un grande protagonismo no documentario “A cidade da selva”, de Helena Villares e Pilar Faxil, que será proxectado o venres 13 de febreiro no local do Colectivo Terra en Pontedeume. Ademais o profesor Carlos Méixome guiará un coloquio titulado “Represión e resistencia na Galiza”. Este será o próximo acto do ciclo “Pancho na memoria”

Na seguinte ligazón ou ao pé da web poderán ver e descargar as fotos do acto.

_MG_1553

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s