O Colectivo Terra organiza unha homenaxe a Pancho, heroe da resistencia antifascista

O Colectivo Terra organiza unha homenaxe a Francisco Martínez Leira “Pancho”, heroe eumés da resistencia antifascista, que vai ter lugar o vindeiro xoves 31 de decembro ás 12:00 no cemiterio de Meá, Mugardos.

Francisco Martínez Leira “Pancho” naceu na parroquia de Ombre, Pontedeume, en 1916, e foi asasinado na mesma parroquia o día 31 de decembro de 1954. Cando Rey Balbís se exilia a Francia, Pancho convértese no máximo dirixente da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galiza. Despois da caída de Foucellas en 1952, Martínez Leira pasa a ser o último guerrilleiro activo en Galiza. Polas súas características e pola súa firmeza democrática, Pancho atinxiu a categoría de mito. O compromiso de máis de 600 guerrilleiros e de 5000 enlaces demostra que Galiza non era unha terra submisa nin adicta ao Réxime. A pesar de tentaren ocultar o mellor da nosa historia, non o conseguen.

Rematada a guerra, Pancho entrou como carpinteiro de grada na Construtora Naval de Ferrol. Participou na organización da primeira protesta obreira de Galiza despois do golpe de estado de 1936, que será coñecida como a Folga do Aceite. Incorporouse á guerrilla a comezos do 1948 por temor á onda de detencións masivas consecuencia do labor dun infiltrado policial nas redes clandestinas de Ferrolterra. Con el marcharon os mugardeses Juan Gallego Abeledo “O Buzo” e Manuel Bastida Franco “Choni”.

Pancho participou en toda canta acción desenvolveu a IVª Agrupación Pasionaria e o Partido Comunista: elaboración e distribución de propaganda, enfrontamentos armados nos que morreron dous falanxistas e tres gardas, caracterizados represores. Optando o PC pola anulación da guerrilla galega, en 1950 e 1951 Pancho rexeitou marchar a Francia e mantivo o seu activismo antifranquista: reparto de propaganda en abril, maio e outubro de 1952, 1953, 1954, asaltos a dereitistas, enfrontamentos armados nos que morreu un garda e outros dous ficaron feridos.

Nese tempo, sendo Pancho o último guerrilleiro activo, a presión policial sobre a pequena rede de enlaces que o axudaban era enorme, de xeito que entre 1953 e 1954 foron descubrindo os tobos nos que se agachaba. Foi ferido de gravidade na noite do 19 de outubro do 1954 en Cornido, A Faísca, Narón. Dous gardas civís disfrazados como xornaleiros estiveron a esperar por el e o 31 de decembro de 1954 dúas descargas de subfusil deron cabo á súa vida no lugar d’A Mediña, Ombre, Pontedeume.

 

Aurora Marco, o compromiso guerrilleiro das mulleres

O salón de plenos do concello de Mugardos volveu ficar pequeno para escoitar a intervención de Aurora Marco. A investigadora encetou a palestra confesando a especial ilusión que lle facía estar en Mugardos, pois foi neste concello onde realizou a primeira entrevista a Guillermo Gallego Abeledo. Este encontro daría inicio a un traballo de campo durante cinco anos que a levaría a visibilizar a historia de duascentas mulleres comprometidas coa loita pola liberdade da resistencia antifascista.

A autora de Mulleres na guerrilla antifranquista considera fundamental restituír o nome de “guerrilleiras” fronte o desprezativo de “bandoleras” co que o franquismo tentaba estigmatizalas. Había dúas clases de guerrilleiras: as da chaira e as do monte. As do monte foron as menos. Este era un tipo de compromiso guerrilleiro que as levaba a pasar á clandestinidade. Porén, houbo casos moi salientábeis como o da mugardesa Marita Gallego Abeledo que chegou a ser a única muller comisaria política do Exército Guerrilleiro de Galiza ou o da valdeorresa Consuelo Rodríguez López “Chelo”, única guerrilleira galega viva. Ela será a única supervivente dunha familia ferozmente represaliada. Asasinaron os seus pais, os seus catro irmáns e o seu compañeiro. Desde 1949 vive exiliada en Francia.

As guerrilleiras da chaira é a historia dos enlaces, vitais para a continuidade da guerrilla como Camilo de Dios ou Moncho teñen recoñecido. Contra elas desatouse unha durísima persecución, pois mostraban unha complicidade ideolóxica e un compromiso persoal que o réxime non podía tolerar. Moitas das familias dos guerrilleiros foron deportadas. Por exemplo, os pais de Riqueche mandáronnos para Palencia; os pais de Chone, a súa muller e os seus fillos a Zamora; ou a muller de Pancho a Valladolid.

Aurora Marco viuse obrigada a facer uso das fontes orais, unha técnica historiográfica que permite coñecer a historia dos grupos sociais que se atopan máis arredados das esferas do poder. Subliñou o compromiso de Carmen Filgueiras que consideraba a guerrilla como “unha gran familia”, ela distribuía propaganda por Ferrol e Betanzos, na súa casa deu acubillo á resistencia antifascista e padeceu nove meses de cadea. Alí coñeceu a María José Vázquez Gallego, esta guerrilleira da chaira tiña un refuxio na súa casa de Caamouco, Ares, onde estivo Pancho e se reuniu Gayoso e Seoane. Para concluír tamén lembrou a brutal represión que padeceu tanto a muller como as irmás ou os propios fillos de Pancho.

Nesta ligazón poden ver o documentario íntegro As silenciadas dirixido por Pablo Ces Marco

http://www.cultureunplugged.com/documentary/watch-online/play/11292/As-Silenciadas

Para máis información sobre a represión franquista contra as mulleres

http://www.nomesevoces.net/gl/exposicion/vermellas/

“Mulleres na guerrilla galega”, con Aurora Marco e proxección de “As silenciadas”

O próximo venres 6 de marzo ás 19:30 no no Salón de Plenos do Concello de Mugardos, Aurora Marco falará sobre “As mulleres na guerrilla antifranquista galega” e posteriormente será proxectado o documentario “As silenciadas” dirixido por Pablo Ces. Esta actividade pecha o ciclo “Pancho na memoria” coordinado polo Ateneo Eumés e o Colectivo Terra en homenaxe a Francisco Martínez Leira “Pancho”.
A investigación de Aurora Marco plásmase no libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, editado Laiovento, no que se recolle a historia de máis de 200 guerrilleiras. O traballo serviu tamén de base para o documentario As silenciadas, centrado en seis desas loitadoras antifranquistas. O filme, dirixido por Pablo Ces, acaba de ser galardoado co premio Memòria i Justícia Universal no III Festival Internacional de Dereitos Humanos de Santa Coloma de Gramenet.

Coa represión, que se xeneralizou coa vitoria dos sublevados en 1939, centos de mulleres comprometidas coa guerrilla antifranquista foron asasinadas, encarceradas, torturadas, violadas, recluídas en campos de concentración; tiveron que partir cara ao exilio nunha viaxe, para algunhas, sen volta ou viviron un exilio interior. A súa é a crónica das silenciadas, porque foron obxecto dunha dupla falta de memoria: por seren desafectas ao novo réxime e pola súa condición feminina.

A represión, que adoptou diversas facianas, foi especialmente cruel coas mulleres, mais as dimensións e a ferocidade dos métodos utilizados coas guerrilleiras foi brutal. Para elas durante moitos anos só houbo silencio, esquecemento e tortura moral, ao facelas pasar non só como bandoleiras, igual que os seus compañeiros de loita, senón tamén como as “queridas”, as amantes dos guerrilleiros. Por iso recuperar os seus nomes, a súa voz, a súa actividade como guerrilleiras do monte ou da chaira significa darlles existencia e desvendar o papel que tiveron na resistencia antifranquista. E é, tamén, unha forma de homenaxealas porque, malia as múltiplas negacións, a súa verdade histórica non se pode nin se debe esquecer.

Pancho e Ernesto Che Guevara

En La Voz de Galicia aparece a noticia do asalto á casa de Pazos, Monfero, onde é exterminado o destacamento Arturo Cortizas, alí descríbese o uniforme dos guerrilleiros: “Tres de ellos iban uniformados de gris oscuro, con guerreras en cuyas solapas llevaban cruzadas la bandera republicana y la gallega, en cuyo centro había una estrella de cinco puntas”. Este celo excesivo no proceso de militarización foi moi criticado e achacáronllo a Manuel Fernández Soto “Coronel Benito”. Aínda que co tema dos uniformes non hai unanimidade, a guerrilleira Josefa Gallego Abeledo cuestiónao, mais afirma, no entanto, que “Pancho e Riqueche levaban unha gorra coa estrela de cinco puntas”.

Adolfo Allegue “Riqueche” foi o compañeiro inseparábel de Pancho na resistencia antifascista. A derradeira acción do guerrilleiro nado en Grandal será esta de Pazos. Pancho e Riqueche foron os encargados das transmisións da emisora portátil que ficaba principalmente na base de Cal do Barqueiro, onde a finais de 1948 estaba instalada a cúpula do partido e mais da guerrilla.

Dez anos máis tarde, e nunhas condicións tamén ben precarias, será o propio Che Guevara en Sierra Maestra quen funde Radio Rebelde. A imaxe de Pancho levando unha gorra coa estrela e falando pola radio nas Fragas do Eume anticipa nunha década a do Che Guevara en Sierra Maestra. Hoxe case podemos sentir a súa voz chea de entusiasmo a bradar contra a ditadura: “Aquí Radio Guerrilleira, voz do Exército de Liberación de Galiza…”

(Para máis información sobre Riqueche http://catedra.pontedeume.es/11/catedra1108.pdf)

300.000 pesetas pola captura de Pancho

En outubro do 54, unhas semanas antes do encontro coa Garda Civil en Cornide, encontrouse Paco Filgueiras con Pancho na estrada de Castela, á altura das casas de “Cachaza”. Paco ía con varios amigos a presenciar un partido do Racing. Paco xa tivera diversas reunións políticas con Pancho nas proximidades de Mugardos. Fíxolle ver o errado que estaba por non ter ido a Francia, sobre todo, agora que corría un serio perigo pois ofrecían 300.000 pesetas pola súa captura. Pancho respondeu a Paco: “Logo moito vallo! Recoñezo o meu erro. Agora estou decidido a me ir pola miña conta”.

(Tirado de Paco Balón: memorias de un comunista ferrolano)

Carlos Méixome, a memoria como lugar de resistencia

Dentro do ciclo “Pancho na memoria”, o profesor Carlos Méixome centrou a súa intervención sobre a represión e a resistencia en Galiza na encrucillada que conforman a historia, a memoria e o mito. Subliñou a importancia da presentización da historia e da vivificación da memoria. Para iso citou as palabras do marxista italiano Antonio Gramsci: “A historia é sempre historia contemporánea, isto é, política”.

Carlos Méixome explicou a experiencia do Instituto de Estudos Miñoranos na exhumación de fosas do franquismo. Considera fundamental estas escavacións para devolver os corpos das vítimas aos seus familiares e soterralos coa dignidade que merecen todas as persoas. Primeiro explicou o caso da fosa de San Xián, no concello do Rosal, e despois a dos Noves, en Baiona, decididamente impulsados pola Consellaría de Cultura e Deporte, daquela dirixida por Ánxela Bugallo e baixo o rigor científico do doutor Fernando Serrulla e do xenetista Ánxel Carracedo.

No caso da fosa de San Xián as testemuñas dos veciños foron esenciais para dar coa localización exacta. De feito, a tradición oral di que no lugar da morte, ao pouco, naceron feixóns que tiñan unha flor moi fermosa e que seica un deles traía no peto porque o prenderan cando estaba a mallar neles. Esta foi a primeira e única vez en que unha institución estatal, a Xunta de Galiza, impulsou, coordinou e sufragou exhumacións. Actitude que constrasta co actual desamparo institucional que sofren as vítimas do franquismo.

Na súa palestra salientou o caso da Volta dos Nove, un lugar de Baiona, onde foron fusilados nove republicanos. Nese lugar ao longo de corenta anos foron aparecendo nove cruces gravadas na rocha. A pesar da persecución e de seren constantemente borradas, as cruces continuaban a aparecer. Aquel crime será lembrado con horror en toda a comarca do Val Miñor e ninguén deu descuberto quen as realizaba.

Para concluír explicou algunhas difcultades que tiveron que encarar para realizar a exhumación da fosa común de Grandal, Vilarmaior. O propio Francisco Rodríguez implicado por cuestións familiares nesta escavación relatábao así: “Un domingo de agosto deste ano 2011 o bastón de Olimpia, unha muller de 91 anos, indicou con decisión e contundencia o lugar da foxa que se procuraba no cemiterio. Con dezaseis anos escoitara os disparos contra o seu tío, Manuel Varela, cando a altas horas da madrugada intentaba fuxir da casa familiar, rodeada por unha turba de gardas civís e falanxistas, pola ventá traseira. Atenta observadora, mostrouse aparentemente impasíbel, ao comezo dunha asemblea aquel domingo de agosto para os fregueses da parroquia de Grandal seren informados, despois da misa, da escavación que, con todos os permisos esixidos, se ía realizar no camposanto para atopar a foxa coas vítimas. Após minutos de tensión, entre intervencións sustentadas en manipulacións intencionadas, ignorancias alimentadas, e rostros de comprensión e expectativa, Olimpia declarou que tamén o seu tío estaba na foxa de Grandal. Entrou na atmosfera enrarecida da sacristía un poderoso raio de piedade e razón desde dentro. Non cabía máis que saírmos para que aquela muller sinalase onde xacían os restos dos mártires”.

A próxima sexta feira 6 de marzo ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos pechará o ciclo “Pancho na memoria” a profesora Aurora Marco. Falará sobre “As mulleres na guerrilla”, ademais será proxectado o documentario “Silenciadas”.

Na seguinte ligazón ou ao pé da web poderán ver e descargar as fotos do acto.

https://www.flickr.com/photos/129769667@N04/sets/72157650852164191/