“Pancho en primeira persoa”, mesa redonda coordinada por Bernardo Maiz con testemuñas directas que coñeceron o último guerrilleiro

O Ateneo Eumés e o Colectivo Terra continúan cos actos no 60 cabodano de Martínez Leira “Pancho”. O próximo venres 23 de xaneiro ás 19:30 no salón de plenos do concello de Mugardos, Bernardo Maiz coordina unha mesa redonda titulada “Pancho en primeira persoa”. Nela xuntaranse familiares, amigos e testemuñas vivas para falar sobre Pancho e renderlle unha homenaxe ao heroico combatente.

Con esta mesa o Ateneo Eumés e o Colectivo Terra queren achegarse ao perfil humano de Pancho e profundizar na dureza da represión franquista contra unha familia leal á democracia e contra un pobo indomábel que apoiaba a loita pola liberdade que lideraba o Exército Guerrilleiro de Galiza.

Algúns destes testemuños serán arrepiantes como o do fillo de Pancho, Manuel, que nunha recente entrevista explicaba a situación familiar após o asasinato do pai: “Á miña nai mandárona desterrada a Valladolid, á miña irmá ao País Vasco, e a nós os dous a un hospicio que estaba no Pazo de Mariñán, recordo todo perfectamente. Estabamos máis de cen nenos, algúns inválidos e dábannos leña a todos. Lavábannos a todos na mesma auga e metíannos a cabeza baixo a agua sucia realmente non sei para que. Eu fiquei traumatizado, si, tempo despois deime conta que o meu carácter vén daqueles anos”.

Outros testemuños explicarán o apoio popular que tiña a guerrilla. Rey Balbís, xefe da IV Agrupación, tiña ben claro que “as guerrillas sobreviviron grazas á coraxe dos seus homes e mulleres, mais sobre todo polo inmenso arraigo que tiñamos no pobo. Iso xerou un apoio sen o cal non poderiamos ter resistido. Non contabamos cunha xeografía que nos amparase, e habiamos de ter bases, puntos de apoio, enlaces, que involucraban a xentes do pobo: homes, mulleres e mesmo crianzas. Incluso había algún que outro cura que nos apoiaba. O pobo galego demostrou ser un pobo verdadeiramente valente, porque aquilo non era unha brincadeira: todo aquel que, dunha ou outra forma, nos apoiaba, estaba a se xogar a vida”.

Os seguintes actos do ciclo “Pancho na memoria” serán o venres 13 de febreiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume) cunha conferencia de Carlos Méixome titulada “Represión e resistencia na Galiza” e durante a que será proxectado o documentario “A cidade da selva”. E concluiremos as actos en homenaxe a Pancho o venres 6 de marzo ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos cunha conferencia de Aurora Marco que falará sobre “As mulleres na guerrilla” e será proxectado o documentario “Silenciadas”.

Vídeos do coloquio “Pancho, o último guerrilleiro”

Aquí van os vídeos íntegros do coloquio desenvolvido o 16 de xaneiro no local social do Colectivo Terra de Pontedeume baixo o título “Pancho, o último guerrilleiro”, onde o historiador Bernardo Máiz debullou os asuntos máis destacados da vida do derradeiro guerrilleiro que loitou contra o franquismo na Galiza. Posteriormente Mini e Mero emocionaron co seu concerto e encheron o local do Colectivo.

Moitísimas grazas a todas as que fixestes isto posíbel. Saúde e Terra!

Coloquio no Colectivo Terra

Continúan os actos de homenaxe a Francisco Martínez Leira, “Pancho” que organizan o Colectivo Terra e o Ateneo Eumés co gallo do 60 cabodano da súa morte a mans da Garda Civil tras unha emboscada en Ombre, Pontedeume, o 31 de decembro de 1954.

Desta volta, o local do Colectivo quedou pequeno tras xuntar ao redor dun cento de persoas. O historiador Bernardo Máiz, que foi presentado por Suso Pinheiro, debullou os aspectos máis importantes da vida de Pancho e a súa relación co Exército Guerrilleiro. Mini e Mero pecharon o acto cun emocionante concerto.

O programa de actividades prosegue coa charla “Pancho en primeira persoa”. Será o vindeiro 23 de xaneiro ás 19:30 no salón de plenos do concello de Mugardos, onde Bernardo Máiz conversará con testemuñas de familiares e de persoas que o coñeceron.

Máis imaxes na galería de Flickr ao pé da páxina ou no enlace:

_MG_1553

Moitas grazas a todas por asistir.

coloquio-pancho-001

Mini e Mero cantan a heroica loita guerrilleira

Despois da conferencia de Bernardo Maiz, esta sexta feira 16 d xaneiro sobre as 9 da noite, os carismáticos cantores Mini e Mero, fundadores de Fuxan os ventos e da Quenlla, vannos deleitar con algún dos seus temas máis populares. No concerto cantarán ese poema fermosísimo de Manuel María titulado “Guerrilleiro” ou tamén o “Romance de cego á caída de Manuel Ponte”, dedicado ao compañeiro de Pancho e xefe da IV Agrupación Guerrilleira, Manuel Ponte Pedreira “Xastre”, asasinado en Frades o 21 de abril 1947.

Recuperan a figura de “Pancho”, o último mito guerrilleiro da loita antifranquista na comarca

Nova aparecida no Diario de Ferrol:

O Colectivo Terra de Pontedeume e o Ateneo Eumés veñen de poñer en marcha unha serie de actividades para destacar a figura do derradeiro guerrilleiro que loitou contra o franquismo en Ferrol e comarca, Francisco Martínez Leira “Pancho”, co gallo do 60 cabodano da súa morte violenta nunha emboscada coa Garda Civil en Ombre (Pontedeume) o 31 de decembro de 1954. Xunto cos familiares que aínda viven do homenaxeado, así como coa colaboración do Concello de Mugardos, principiou unha serie de actividades o pasado día 31 de decembro cunha ofrenda floral ao loitador no cemiterio de Meá (Mugardos).
Así, o programa prosegue este venres ás 19.30 horas no local do Colectivo Terra (Boavista, 6) en Pontedeume. Alí uniranse a palabra e a música cunha conferencia sobre Pancho do historiador Bernardo Máiz e, a continuación, un concerto dos populares músicos Mini e Mero (Fuxan os Ventos, A Quenlla, etc.).
O día 23 de xaneiro, ás 19.30 horas, as actividades trasládanse ao salón de plenos do Concello de Mugardos con outra charla de Bernardo Máiz sobre o guerrilleiro, así como testemuños de familiares e de persoas que o coñeceron. Ata o 13 de febreiro haberá un parón que cesa cunha proxección no local do Colectivo Terra do documental “A cidade da selva”, de Helena Villares e Pilar Faxil. Posteriormente haberá unha tertulia co profesor Carlos Méixome.
Finalmente, o día 20 clausúranse as actividades no Concello de Mugardos coa proxección documental “As silenciadas”, de Pablo Ces Marco, e unha tertulia posterior coa profesora Aurora Marco, catedrática da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago.

Biografía e carácter
Nacido na parroquia eumesa de Ombre o 21 de decembro de 1916, en 1925 trasládase coa súa familia a Meá, en Mugardos. Mobilizado na Guerra Civil polo bando franquista, xa daquela colaborara cos “escapados”. Nos anos 40 foise aproximando ao Partido Comunista (participou na folga do aceite  de xuño de 1946 na Construtora Naval). Tras ser enlace da guerrilla, acaba integrándose nela a finais do ano 1948.
Participou en todo tipo de accións clandestinas na comarca (que inclúen as mortes de falanxistas e tres gardas civís) baixo o selo da IV Agrupación Pasionaria e do Partido Comunista. Trala desintegración deste grupo, Pancho continúa a súa actividade, con enfrontamentos armados ou reparto de propaganda. En outubro de 1954 foi ferido de gravidade en A Faísca (Narón). Cando decide marchar ao exilio, espera contar coa axuda dun parente que acaba por denuncialo. É abatido nunha emboscada na Mediña (Ombre, Pontedeume) o 31 de decembro.
O historiador Bernardo Máiz, que participa nestas xornadas, ten estudado a súa figura, e destaca do seu carácter “a súa integridade, humildade e modestia. Non tiña o carisma dun Foucellas, pero logrou nos estertores da loita armada, nos anos 52, 53 e 54, encartelar toda a comarca cando chegaba o Primeiro de Maio. Pero ademais editaba un xornaliño de propaganda, “O obreiro”, escrito en galego, e mais “O labrego”, que nunca puido imprimir. É dicir, que non era só un home de acción, senón moi preparado politicamente”.
O 27 de agosto de 2006 o xornalista de Diario de Ferrol José Gómez entrevistaba ao seu fillo, Pancho Martínez Romero, para o suplemento Nordesía. Alí lembraba este a dura situación familiar na que medrou: a nai na cadea, os fillos no Hospicio de Ferrol, un pai fuxido e a policía constantemente enriba da familia. “Rencor? Que rencor vou gardar e a quen? Hai tempo que pasei páxina. Teño que dicir que os gardas, ao fin e ao cabo, eran tamén vítimas do réxime e facían o que lles obrigaban”, relatou.

http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/recuperan-figura-pancho-ultimo-mito-guerrilleiro-da-loita-antifranquista-na-comarca/20150113215254112298.html