Cal do Barqueiro, a capital da IV Agrupación

Protexida polas Fragas do Eume, a guerrilla ergueu Cal do Barqueiro, base nº1 da IV Agrupación. Ao aumentar a represión no ano 1947, tamén se multiplicou o número de guerrilleiros. Na IV Agrupación decidiron construír máis bases non moi lonxe das casas, algunhas soterradas nas propias vivendas e outras preto dun río como foi neste caso.

Cal do Barqueiro era a capital do movemento de resistencia. Sitúase ao pé do rego da Lagoa (Lavandeira) que ao pouco se xunta co da Igrexa (Xabariz) antes de chegar ao Eume. Estaba formada por varias covas e cabanas. Cavaban no coto do monte, abrían unha gavia, entaboaban con madeira, colocaban unha lona e botaban terra por encima. Medían uns cincuenta metros cadrados. Alí tiñan gardadas unha multicopista, máquinas de escribir, un arquivo e unha emisora portátil. Ademais podían ficar os guerrilleiros que estivesen doentes. Nesta base tiveron o primeiro encontro Pancho e o novo secretario do PC, Sevil. Contan que o guerrilleiro do Eume desconfiaba del por causa do tabaco rubio que fumaba.

Cal do Barqueiro será o derradeiro reduto onde se edite “El Guerrillero-Órgano del Ejército Guerrillero de Galicia”, que chegou até maio de 1950. Nun primeiro momento imprimiuse en Madrid, de Madrid pasou a Coruña, de Coruña a Mugardos e de Mugardos a Cal do Barqueiro no corazón das Fragas do Eume. Era fundamental dar a coñecer os motivos da loita guerrilleira e os esforzos por acabar coa ditadura.

Nas Fragas do Eume houbo numerosas covas e refuxios: no Regueiro de Folgar; na Fraga da Xesta Molar, no Forgoselo; no lugar de Belenxís; no monte Grande, entre Filgueiras e Cernadas; en Fiúnte (Cabalar), cara aos Calzados; en Sanguiñedo (Monfero) e tamén no lugar de Cal do Pastor, entre o Castelo da Pluma e Visura (Monfero); etc. Como reivindica o profesor Domínguez Ferro, debemos “conservar o recordo e a memoria destas xentes porque esta zona foi mui importante na loita antifranquista”.

Xunto á base de Cidade da Selva, nos vales de Casaio, entre as comarcas galegas do Bierzo e Valdeorras, Cal do Barqueiro representa o máximo expoñente dunha Galiza indomábel, antifascista, combatente, lugar de memoria primordial da nosa dignidade colectiva.

As fotos que acompañan este post foron tiradas por Duarte Basoa en Cal do Barqueiro. Agradecémoslle que nolas cedese para a súa divulgación.

Cal do Barqueiro 1

Para máis información:
Fuxidos na Fraga. Episodios da guerrilla antifranquista nas terras do Eume
http://www.falamedesansadurnino.org/media/Fuxidos_na_Fraga.pdf

Memoria dos fuxidos nas Terras do Eume

http://www.aelg.org/Polafias/ShowVideoPolafia.do;jsessionid=75B3020621C2EE7F96E3A1370BF7194C?id=585

“Non te conformes co que sabes, tenta saber máis cada día. O guerrilleiro que fica para atrás, non é bo guerrilleiro”

Pancho era un heroico guerrilleiro e tamén un bo dirixente do pobo. Pola actualidade destas recomendacións, reproducimos o sétimo punto dun caderno de notas titulado “Ensinanzas útiles para as guerrillas” ocupado pola Guarda Civil a unha unidade antifascista galega:

7ª.-O GUERRILLEIRO ORGANIZADOR E DIRIXENTE DO POBO.- Un guerrilleiro non ten como única misión castigar os asasinos falanxistas e realizar sabotaxes contra o franquismo. Ten que ser ademais un dirixente político e un organizador das masas. Ten que ser o home que, coñecedor dos problemas dos labradores, obreiros e demais camadas da poboación, estea en condicións de orientalas, organizalas e dirixilas na loita contra a canalla franco-falanxista.

Ten que estar en condicións de poder organizar e orientar un grupo de labradores, saber explicar a un católico os obxectivos patrióticos do MOVEMENTO DE RESISTENCIA e como atraelo á loita activa contra Franco e Falanxe. Ten que estar preparado politicamente para dar mitins e palestras aos patriotas das aldeas. Este traballo, ao cal ti talvez concedas unha importancia secundaria, é tanto ou máis importante que unha acción armada contra falanxistas e esbirros de Franco. Para estares en condicións de xogar o teu papel de organizador e dirixente do pobo, tes que te esforzar por elevar a túa preparación. Tes que aproveitar cada minuto libre para estudar e aproveitar cada consello, cada experiencia para te superares máis e máis.

Preocúpate de que se faga vida política no teu Destacamento, que non se abandone a confección do periódico mural e que non se descoide a discusión organizada e colectiva da prensa e demais materiais antifascistas.

Coida os libros e materiais de estudo.

Se dubidas dalgún problema, se para ti non está clara algunha cousa, non vaciles en preguntar. Ninguén naceu aprendido.

Non te conformes co que sabes, tenta saber máis cada día. O que se empoza, fica atrás. E xa sabes que o guerrilleiro que fica para atrás, non é bo guerrilleiro.

O carballo da nosa resistencia. Cartas dos heroes do Exército Guerrilleiro de Galiza

Carta de Manuel Ponte ao embaixador da Gran Bretaña, 5/10/1946

“Señor Embaixador, desculpe a miña falta de expresión literaria. Non son máis que un guerrilleiro, un home que hai dez anos se botou ao monte porque as palabras “rendición” e “capitulación” perante o fascismo non cabían na súa cabeza. Talvez para vostedes sexamos tamén “bandoleros”. Así chamaron os romanos a Viriato. Así chamou Napoleón aos que a golpes de patriotismo defenderon a independencia de España. De calquera xeito que vostede nos xulgue, permítome darlle un consello: repase vostede a nosa historia e verá como os españois non temos alma de escravos. Somos como eses carballos centenarios de Galiza que tronzados polo lóstrego, esgazados e sen pólas, tarde ou cedo agroman puxantes e frondosos, porque teñen as raíces cravadas nesta terra tan viril. E así é o carballo da nosa resistencia”.

Carta de Segundo Vilaboy ao Partido Comunista en Galiza, 17/12/1947

“Desde o día que me colleron (sen sentido, porque con vida xamais me deixaría atrapar), non lles importou que estivese case moribundo. Primeiro foron os “interrogatorios” de 12 a 14 horas até que esgotado perdía o coñecemento. E cando viron que con palabras e promesas nada tiraban de min, comezaron as torturas. As miñas mans ou pés nin eu mesmo as coñezo. Estiven 15 días que non podía mexar máis que sangue. Con todo, resistín e resisto sen flaquexar. Cando, en troca de me converter en delator, me prometían respectar a miña vida, curarme, darme abundante diñeiro para me ir ao estranxeiro, o mesmo que, cando a sangrar e case sen vida, me berraban “Cantas ou matámoste!”, a miña resposta foi e será a mesma: Poderedes quitarme a vida, mais non a dignidade!”

Carta de Gayoso e Seoane aos guerrilleiros da IV Agrupación, 6/11/1948

“Os facinorosos que tantos crimes e atrocidades cometen, non se resignan a desaparecer. De estaren perdidos eles están ben certos. Por iso caen nas súas poutas. Mais fracasaron e fracasarán mil veces, morderán a poeira da derrota moi cedo e Galiza, esta terra mártir e heroica onde nacemos e pola que gustosos damos a vida, verá brillar o sol da liberdade e da verdadeira xustiza de monte a monte e de mar a mar. Ao chegar ese día que logo chegará, só vos pedimos que non vos domine o espírito de vinganza, mais facede xustiza. Non esquezades nin perdoedes os vitimarios do noso pobo”.

(Na imaxe superior, o carimbo do Exército Guerrilleiro de Galiza)

“O máis honrado dos guerrilleiros”. Palabras do enlace Juan Vázquez Loureda “Anido” na homenaxe realizada a Pancho en 2007

Pancho foi un guerrilleiro, un home que tiña e exercía o poder das armas. Pancho foi escrupulosamente respetuoso co pobo traballador, os seus. Pancho foi o máis honrado dos guerrilleiros que eu coñecín nas miñas tarefas de combate contra a Garda Civil e o Réxime franquista. Pancho foi un dos mellores combatentes contra o franquismo tanto moralmente como en valentía. Pancho a fins de 1955, pouco antes de ser asasinado polas costas pola Garda Civil onde nacera, en Ombre, continuaba a estudar marxismo, como deu fe unha persoa que o entrevistou nun trigal.

Pancho foi o promotor para construír unha cova na miña casa para estarmos máis seguros e protexidos da represión da Garda Civil. Pancho, como bo carpinteiro que era, ideou e construiu a entrada á cova polo primeiro chanzo da escaleira do faiado, tan ben camuflada e axustada, que a Garda Civil, a pesar de sentar nela e movela, non a descubriu. Na cova instalárase unha imprenta e unha multicopista para introducirmos propaganda en Astano, Bazán, Ferrol, Mugardos, Fene, Narón, etc.

A través da miña persoa contactataron Pancho e Paco Filgueiras, primo carnal de Carmen Filgueiras. Xuntos, Carmen e eu, entregamos moito, todo, en favor dos ideais polos que loitaba Pancho: o proletariado galego e mundial e o socialismo.

Despois de Pancho morrer, reuníamonos nos montes clandestinamente Paco Filgueiras, Paco Balón, Julio Aneiros e eu con Ramón, un enlace que o Partido Comunista enviara desde Francia.

E para acabar quero ler unha parte do mandato imprescritíbel publicado en febreiro de 1950 en “O guerrilleiro”: O mandato que nunca prescribe é a orde de loita permanente na Galiza insubmisa, na Galiza obreira e campesiña, na Galiza pescadora e mariñeira.

Pancho sempre vivo na nosa memoria!

Meá, 1º de maio de 2007

(Este texto foi tirado do blogue http://galizaunidaportugal.blogspot.com.es)