Pancho e Ernesto Che Guevara

En La Voz de Galicia aparece a noticia do asalto á casa de Pazos, Monfero, onde é exterminado o destacamento Arturo Cortizas, alí descríbese o uniforme dos guerrilleiros: “Tres de ellos iban uniformados de gris oscuro, con guerreras en cuyas solapas llevaban cruzadas la bandera republicana y la gallega, en cuyo centro había una estrella de cinco puntas”. Este celo excesivo no proceso de militarización foi moi criticado e achacáronllo a Manuel Fernández Soto “Coronel Benito”. Aínda que co tema dos uniformes non hai unanimidade, a guerrilleira Josefa Gallego Abeledo cuestiónao, mais afirma, no entanto, que “Pancho e Riqueche levaban unha gorra coa estrela de cinco puntas”.

Adolfo Allegue “Riqueche” foi o compañeiro inseparábel de Pancho na resistencia antifascista. A derradeira acción do guerrilleiro nado en Grandal será esta de Pazos. Pancho e Riqueche foron os encargados das transmisións da emisora portátil que ficaba principalmente na base de Cal do Barqueiro, onde a finais de 1948 estaba instalada a cúpula do partido e mais da guerrilla.

Dez anos máis tarde, e nunhas condicións tamén ben precarias, será o propio Che Guevara en Sierra Maestra quen funde Radio Rebelde. A imaxe de Pancho levando unha gorra coa estrela e falando pola radio nas Fragas do Eume anticipa nunha década a do Che Guevara en Sierra Maestra. Hoxe case podemos sentir a súa voz chea de entusiasmo a bradar contra a ditadura: “Aquí Radio Guerrilleira, voz do Exército de Liberación de Galiza…”

(Para máis información sobre Riqueche http://catedra.pontedeume.es/11/catedra1108.pdf)

Advertisements

300.000 pesetas pola captura de Pancho

En outubro do 54, unhas semanas antes do encontro coa Garda Civil en Cornide, encontrouse Paco Filgueiras con Pancho na estrada de Castela, á altura das casas de “Cachaza”. Paco ía con varios amigos a presenciar un partido do Racing. Paco xa tivera diversas reunións políticas con Pancho nas proximidades de Mugardos. Fíxolle ver o errado que estaba por non ter ido a Francia, sobre todo, agora que corría un serio perigo pois ofrecían 300.000 pesetas pola súa captura. Pancho respondeu a Paco: “Logo moito vallo! Recoñezo o meu erro. Agora estou decidido a me ir pola miña conta”.

(Tirado de Paco Balón: memorias de un comunista ferrolano)

Pancho, defensa da lingua e reivindicación de Castelao

Pode que alguén se pregunte: E Pancho en que lingua falaba? Pois como o 99% das persoas da súa xeración, Pancho falaba galego. Na Causa 06/49 aberta despois do intento de axustizar o principal responsábel da represión fascista en Mugardos, recóllense unhas declaracións literais do propio Pancho no noso idioma. Exactamente aparece isto: “Viñamos polo peixe gordo e palmou un merdán”.

E non só falaba galego na época do “hable bien, sea patriota, no sea bárbaro”, tamén chegou a empregalo por escrito. Hai unha folla editada por el en 1953 titulada “Os labregos” que reza así: “¡Non as requisas. Ni un patacon os cabros de Falanje. Non pages as tasas. O capitalismo esmaja a todos. Ergete e loita!” O emprego dun galego tan precario mostra as orixes populares do heroe do Eume e ao mesmo tempo unha firme vontade de defensa da lingua e de orgullo de clase. Con esforzo, Pancho combatía a privación cultural que o noso pobo aínda padece.

Non é casualidade que empregase unha das caricaturas do “Cousas da vida” para representar a opresión caciquil. Neste caso é a da “A farsa democrática”. Noutra folla desta ano, tamén da súa responsabilidade e titulada “O obreiro”, aparece o deseño de Castelao “O orador político” cun elocuente papagaio e cun pé referido a Franco. Así era a propaganda antifranquista que editou e distribuíu na última etapa da súa vida.

Os deseños de Castelao foron abondosamente reproducidos pola prensa guerrilleira e a súa figura gozaba entre os comunistas dunha gran popularidade. Dalgunha maneira podemos dicir que o pobo traballador máis comprometido e combativo deu continuidade ao galeguismo progresista de antes da sublevación fascista do 18 de xullo. Pancho sabía que a súa clase era a obreira e o seu idioma, o galego.

Así caeu o derradeiro refuxio de Pancho

Este texto foi escrito por Siro López como unha longa carta destinada a Benigna Díaz Corral “Binucha”. En 2011 o Concello de Narón entregou a Binucha o Premio Muller do Ano en recoñecemento polo seu compromiso solidario e o da súa familia cos perseguidos políticos.

Aínda que de idades moi distintas, Pancho e Rudesindo eran bos amigos, ademais de compañeiros de traballo no Taller de Gradas. Teu pai e teu irmán empezaron a acollelo en estadías breves, dun día ou dous, no ano 49; pero fóronse facendo máis longas segundo empeoraba a situación, e cando morreu teu pai, no 53, a vosa debía de ser xa a única casa á que podía acudir, e Sindo seguiu axudándoo.

O teu irmán enfermara de tuberculose mentres cumpría o servizo militar, que non chegou a rematar. Traballaba na Fenya e quedaba moitas veces a durmir en Ferrol, na túa casa; pero despois de morrer o voso pai colleu a baixa laboral e ficou definitivamente en Cornido. Ti sospeitaches que o facía para atender a Pancho, ¿verdade? Mamá dixérame que cando lle preguntaches non cho negou e engadira que el xa non tiña nada que perder.

A noite do 18 ao 19 de novembro de 1954 os gardas civís sitiaron a casa. Eran moitos, seica vintecinco, mandados por un tenente. A xente que ía traballar cedo ás cerámicas de Xuvia víralles brillar os tricornos entre as maciñeiras.

Pode que houbese un chivatazo, pero tamén é posible que o servizo de investigación descubrise a casa porque Pancho ía ás veces ver a famila nun dos botes que había na ribeira, en Fontela. O bote non volvía ata o día seguinte, pero podíase ver ben fondeado na Barca, en Mugardos.

Fose como fose, a garda civil descubriuno e dispuxo o operativo para acabar co último guerrilleiro. Preto das nove da mañá chamaron á porta. Sindo alugara a bodega a unha muller chamada Delfina, que vivía cunha filla e un neto pequeniño, e antes de abrir baixou pola trapela á bodega; el mesmo envolveu o neno e pediulles que fosen á casa dun veciño, chamado Hixinio. A rapaza saiu co neno, pero Delfina quixo quedar e converteuse en testemuña da traxedia.

Pancho non poidera fuxir e se agochara detrás dun tabique no faiado. Varios gardas subiron, un deles cun can, e Sindo mentres lles dicía que estaba só, abriu a ventá que daba ao tellado da bodega. Aínda que o sarxento lle mandou pechala de contado, aquelo salvou ao Pancho, porque cando o garda que levaba o can o descubriu, Pancho empezou a disparar a través do tabique e os gardas fuxiron escaleiras abaixo, e, crendo que tentaría escapar pola ventá que abrira Sindo, agardárono ante a bodega e descoidaron o outro lateral da casa, o do patín, por onde Pancho saiu correndo. Cando o viron foron atrás del, disparáronlle e ferírono; entón Pancho volveuse, disparou tamén e feriu ao teniente. Os gardas todos deixaron de perseguilo para atender ao mando.

Delfina, que nunca nada sospeitara da presenza de Pancho na casa, volveuse a Sindo, que fora baixando polo patín, e, anguriada, pregoulle pola alma dos pais que lle dixera quen era aquel home. Sindo só lle respondeu: “Marche. Vaia a casa de Hixinio”.

Pero Delfina non marchou e viu como varios gardas, irados, se botaron a Sindo, berrándolle: “¡Pola túa culpa, cabrón!”, mentres lle batían na cara cos mosquetóns. Sindo caeu coa cara chea de sangue, e dende o chan chamoulles “covardes”. Daquela levárono a rastro á parte de atrás da casa e Delfina oíu varios disparos. Nunca saberedes cantos nin onde llos deron porque nunca vos deixaron ver o cadaver.

Foi todo así, tal como eu o recordo, ¿non si?

Pero o mesmo día empezastes outro calvario, de interrogatorio en interrogatorio, primeiro na casa cuartel da garda civil de Fene, onde ao teu home lle esmagaron un pé cun mosquetón; despois, na mesma noite, nun cagarrón noxento de Neda; toda a tarde e toda a noite nun calabozo do cuartel de Xuvia; pola mañá no cuarto das patacas do de Canido; á tarde no cárcere de Ferrol, na avenida de Vigo… Chegastes derreados, sen comer nada.

Ao cárcere levaran xa a Antonia, a irmá de Pancho; unha muller rexa, que era á que peor trataban e perdeu os nervos naqueles interrogatorios interminabeis. Despois prenderon a Delfina e á filla.

Soltáronvos despois dun mes longo e cando fuches pagar ao enterrador – coido que era Andrés Piñón -, aínda te agardaba un novo disgusto. No Couto xa non estaba o cura Cazón, senón outro ruín que prohibira dar terra a Sindo onde lle correpondía e mandara poñelo pegado ao muro, nun chan de pedras e de ortigas.

Miña nai ía todos os días ao mercado de Ferrol e sabía de vós por Emilia e outras vendedoras de Cornido. Un día veu contando que arranxarades a sepultura de Sindo con azulexo branco e que cando estabas limpándoa chegou o cura para botarche en cara que gastases os cartos en ben gardar o corpo do teu irmán e que non deses unha misa pola súa alma. Entón Mercedes, aquela muller forte que toleara algo cando lle morreran os pais, botouse a el berrándolle “¡Corvo, corvo!”, e o cura escapou correndo. Foi tal como o conto ¿non si?

Sempre pensei no terrible sufrimento de Pancho no último mes da súa vida. Só, ferido, sen poder curarse; a familia desfeita, coa muller presa, os fillos no hospicio, a filla en Bilbao, e ademais o peso na conciencia da morte de Sindo, o seu mellor amigo e benfeitor. Eu nunca vira fotos del, pero na reportaxe do Diario de Ferrol ten expresión nobre, ollada limpa e sorrir de home bo, que inspiran confianza. O destino non se portou ben nin con Sindo nin con el.

O texto de Siro López aparece recollido en “Retallos da memoria” e pode ser consultado de maneira íntegra en

http://www.memoriahistoricademocratica.org/documentos/retallos_01_01_heroes_esquecidos_a_familia_rudesindo_diaz_beceiro_benigna_corral_yanez_por_siro_lopez.pdf

“O máis honrado dos guerrilleiros”. Palabras do enlace Juan Vázquez Loureda “Anido” na homenaxe realizada a Pancho en 2007

Pancho foi un guerrilleiro, un home que tiña e exercía o poder das armas. Pancho foi escrupulosamente respetuoso co pobo traballador, os seus. Pancho foi o máis honrado dos guerrilleiros que eu coñecín nas miñas tarefas de combate contra a Garda Civil e o Réxime franquista. Pancho foi un dos mellores combatentes contra o franquismo tanto moralmente como en valentía. Pancho a fins de 1955, pouco antes de ser asasinado polas costas pola Garda Civil onde nacera, en Ombre, continuaba a estudar marxismo, como deu fe unha persoa que o entrevistou nun trigal.

Pancho foi o promotor para construír unha cova na miña casa para estarmos máis seguros e protexidos da represión da Garda Civil. Pancho, como bo carpinteiro que era, ideou e construiu a entrada á cova polo primeiro chanzo da escaleira do faiado, tan ben camuflada e axustada, que a Garda Civil, a pesar de sentar nela e movela, non a descubriu. Na cova instalárase unha imprenta e unha multicopista para introducirmos propaganda en Astano, Bazán, Ferrol, Mugardos, Fene, Narón, etc.

A través da miña persoa contactataron Pancho e Paco Filgueiras, primo carnal de Carmen Filgueiras. Xuntos, Carmen e eu, entregamos moito, todo, en favor dos ideais polos que loitaba Pancho: o proletariado galego e mundial e o socialismo.

Despois de Pancho morrer, reuníamonos nos montes clandestinamente Paco Filgueiras, Paco Balón, Julio Aneiros e eu con Ramón, un enlace que o Partido Comunista enviara desde Francia.

E para acabar quero ler unha parte do mandato imprescritíbel publicado en febreiro de 1950 en “O guerrilleiro”: O mandato que nunca prescribe é a orde de loita permanente na Galiza insubmisa, na Galiza obreira e campesiña, na Galiza pescadora e mariñeira.

Pancho sempre vivo na nosa memoria!

Meá, 1º de maio de 2007

(Este texto foi tirado do blogue http://galizaunidaportugal.blogspot.com.es)

Mari Carmen Martínez Romero e a experiencia dunha meniña escrava

O 28 de marzo de 1953 a Garda Civil rexistra a casa familiar de Pancho en Meá, Mugardos, e descobre unha cova agochada nun cortello. Deteñen a muller de Pancho, María Romero Ramos, e condénana a tres anos de cadea. Neste período os fillos pequenos son internados nun orfanato no Pazo de Mariñán e a filla maior de quince anos, Mari Carmen Martínez Romero, acaba en Bermeo na casa da súa tía Remedios Martínez Leira. Preto dalí, no colexio de Zabalbide da orde dos Ángeles Custodios en Bilbao, as fillas dos republicanos eran tratadas como escravas. O sadismo era o principal valor cristián que caracterizaba as monxas desta institución, como se estas meniñas estivesen a redimir as penas de seus pais. O testemuño de Isabel Perales inspirou o último romance de Almudena Grandes, “Las tres bodas de Manolita”. Mari Carmen Martínez Romero morreu con 41 anos, mais grazas á coraxe de Isabel Perales podemos aproximarnos a dura experiencia das familias esgazadas e a de tantas crianzas maltratadas simplemente por seren “semillas de rojos”.