Francisco Martínez Leira, “Pancho” (1916-1954)

Naceu o 21 de decembro do 1916 no lugar d’A Bufarda, Ombre, Pontedeume. En 1925 a súa familia foi vivir a Meá, Mugardos. Fixo a Guerra Civil mobilizado no bando franquista, destacando como tirador. Algunhas fontes afirman que neses anos colaborou cos “escapados”.

Rematada a guerra entrou como carpinteiro de grada na Constructora Naval de Ferrol e casou con María Romero Ramos coa que tivo tres fillos, vivindo n’A Areosa, Mugardos, perto das súas irmáns Antonia e María.

Achegouse en 1944 ás clandestinas ANFD e Unión Nacional, en 1945 comezou cotizar no Socorro Rojo, participou activamente na organización da Folga do Aceite de xuño do 1946 na Constructora Naval, aproximándose ao Partido Comunista e actuando como enlace da guerrilla, á que se incorporou a comezos do 1948 por temor á onda de detencións masivas consecuencia do labor dun infiltrado policial nas redes clandestinas de Ferrolterra. Con el marcharon os tamén mugardeses Juan Gallego Abeledo “O Buzo” ou “O Comandante”, morto con catro camaradas en Silán, Ourol, en xuño do 1949, e Manuel Bastida Franco “Choni”, asasinado cun compañeiro en Tellado, Fene, en xullo do 1951.

Pancho participou en toda canta acción desenvolveu a IVa Agrupación Pasionaria e o Partido Comunista (elaboración e distribución de propaganda, enfrontamentos armados nos que morreron dous falanxistas e tres gardas, caracterizados represores). Optando o PC pola anulación da guerrilla galega, en 1950 e 1951 Pancho rexeitou ir para Francia e mantivo o seu activismo antifranquista: reparto de propaganda en abril, maio e outubro de 1952, 1953, 1954, asaltos a dereitistas, enfrontamentos armados nos que morreu un garda e outros dous ficaron feridos. Nese tempo, sendo Pancho o último guerrilleiro activo, a presión policial sobre a pequena rede de enlaces que o axudaban era enorme, de xeito que entre 1953 e 1954 foron descubrindo os tobos nos que se agachaba.

Ferido de gravidade na noite do 19 de outubro do 1954 en Cornido, A Faísca, Narón, perdida nesa ocasión a base clandestina na que gardaba armas, multicopista e propaganda, vítima a súa familia de moi asañadas represalias policiais e carcerarias, apenas recuperado decidiu marchar ao exilio, confiando nun parente que o denunciou; dous gardas civís disfrazados como xornaleiros fixéronlle a espera e o 31 de decembro de 1954, cando empardecía, dúas descargas de subfusil deron cabo da vida de Francisco Martínez Leira no lugar d’A Mediña, Ombre, Pontedeume.

Segundo quen o coñeceu, Pancho era unha persoa de carácter firme, de gran serenidade, valente, intuitivo, moi arteiro coas mans, con empatía especial cara aos animais. Sirva como mostra un informe da Guardia Civil onde relata unha persecución fallida: “ante un silbido especial del huido la perra policía Burga se volvió contra el capitán”, conseguindo Pancho fuxir. Polas súas características e pola súa firmeza democrática Pancho acadou a categoría de mito.

 

Texto por Bernardo Máiz Vázquez

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s