1936-1954

Os militares e dereitistas sublevados en xullo de 1936 contra o lexítimo goberno republicano “tomaron” con extrema violencia Galiza en quince días. Lonxe de calquera fronteira democrática, centos de persoas sobreviviron escapados polos montes e agachados nos sotos, mantendo até 1954 unha irta e dura resistencia, primeiro espontánea, mais facendo nacer a pouco as primeiras e unitarias estruturas guerrilleiras de España.

Entre 1945-1946, o Partido Comunista artellou o Exército Guerrilleiro de Galiza, dividido territorialmente en cinco Agrupacións, sendo as máis activas a IVa (A Coruña) e a IIa (Ourense). Factor básico da súa permanencia era o apoio popular. A Dirección General de la Guardia Civil consideraba en 1948 que “los enemigos del Régimen dicen que Galicia es la primera zona guerrillera”. Eduardo Pons Prades escribiu que “la resistencia armada gallega fue la más autóctona, incisiva y dilatada de todas las tierras de España”.

As mudanzas na situación internacional, o forte activismo armado e a consecuente actuación policial levaron á guerrilla galega ao final, mais na década dos corenta e nos primeiros anos cincuenta a guerrilla foi en Galiza a única oposición democrática ao franquismo.

Xullo de 1936. Os militares alzados toman as cidades e vilas de Galiza: primeiros fuxidos.

Outubro de 1937. Caída do Fronte Norte republicano: numerosos combatentes republicanos veñen agacharse nas montañas de Galiza.

Abril/Outubro de 1939. Fin da Guerra Civil. Accións militares contra os fuxidos. Neira no Noroeste de Galiza e “Gafas” no Surleste cara a León estruturan as primeiras organizacións da resistencia armada.

Abril/Novembro de 1942. Federación de Guerrillas de León y Galicia, unitaria. Numerosos enfrontamentos no Leste de Lugo e Ourense e na área Ferrol-Betanzos-Ortigueira-Viveiro. Outubro 1944. Invasión do Val de Arán. Coordinación en Galiza dos diferentes grupos armados cara á constitución de Agrupacións Guerrilleiras vencelladas á UNE/PCE.

Marzo/decembro de 1945. Organización do Exército Guerrilleiro de Galiza. 1946. Chegada de Gayoso e Seoane e potenciación da IVa Agrupación “Pasionaria”: espectacular incremento de accións armadas e de propaganda. Primeiro número de “El Guerrillero”. Organización de máis Agrupacións: IIIa (norte e centro de Lugo), IIa (oeste e centro de Ourense) e Va Agrupación (Norte de Pontevedra).

1947-1949. Disolución da Federación de Guerrillas. O Exército Guerrilleiro realiza numerosas sabotaxes, accións propagandísticas e armadas, mais no segundo semestre de 1948 caeu a dirección galega da guerrilla e do PC. Morte de 78 franquistas e de 93 resistentes antifranquistas. Construción de bases subterráneas na área Ferrol-Mugardos- As Pontes-Betanzos-Coruña. Primavera de 1950/outono de 1951. Chegan emisarios do exilio para desmontar a loita armada antifranquista. Caída de bases guerrilleiras. Marchan a Francia os responsábeis en Galiza da guerrilla e do PCE. Morren 31 resistentes antifranquistas. Fin da guerrilla organizada.

Marzo-Agosto do 1952. Capturado e executado o guerrilleiro Benigno Andrade “Foucellas”.

1952-1954. Accións armadas (cinco) e de propaganda (12) na área Ferrolterra- Eume. O 31 de decembro do 1954 n’A Mediña, Ombre, Pontedeume, nunha emboscada da Garda Civil, morreu tiroteado Francisco Martínez Leira “Pancho”.

 

Accións da guerrilla galega

289 enfrontamentos armados

136 dereitistas axusticiados

121 sabotaxes

1300 golpes económicos coñecidos

5832 enlaces detidos

79 gardas civís e policías mortos

459 guerrilleiros detidos

165 guerrilleiros mortos

 

Texto por Bernardo Máiz Vázquez

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s