Pancho, defensa da lingua e reivindicación de Castelao

Pode que alguén se pregunte: E Pancho en que lingua falaba? Pois como o 99% das persoas da súa xeración, Pancho falaba galego. Na Causa 06/49 aberta despois do intento de axustizar o principal responsábel da represión fascista en Mugardos, recóllense unhas declaracións literais do propio Pancho no noso idioma. Exactamente aparece isto: “Viñamos polo peixe gordo e palmou un merdán”.

E non só falaba galego na época do “hable bien, sea patriota, no sea bárbaro”, tamén chegou a empregalo por escrito. Hai unha folla editada por el en 1953 titulada “Os labregos” que reza así: “¡Non as requisas. Ni un patacon os cabros de Falanje. Non pages as tasas. O capitalismo esmaja a todos. Ergete e loita!” O emprego dun galego tan precario mostra as orixes populares do heroe do Eume e ao mesmo tempo unha firme vontade de defensa da lingua e de orgullo de clase. Con esforzo, Pancho combatía a privación cultural que o noso pobo aínda padece.

Non é casualidade que empregase unha das caricaturas do “Cousas da vida” para representar a opresión caciquil. Neste caso é a da “A farsa democrática”. Noutra folla desta ano, tamén da súa responsabilidade e titulada “O obreiro”, aparece o deseño de Castelao “O orador político” cun elocuente papagaio e cun pé referido a Franco. Así era a propaganda antifranquista que editou e distribuíu na última etapa da súa vida.

Os deseños de Castelao foron abondosamente reproducidos pola prensa guerrilleira e a súa figura gozaba entre os comunistas dunha gran popularidade. Dalgunha maneira podemos dicir que o pobo traballador máis comprometido e combativo deu continuidade ao galeguismo progresista de antes da sublevación fascista do 18 de xullo. Pancho sabía que a súa clase era a obreira e o seu idioma, o galego.

Mari Carmen Martínez Romero e a experiencia dunha meniña escrava

O 28 de marzo de 1953 a Garda Civil rexistra a casa familiar de Pancho en Meá, Mugardos, e descobre unha cova agochada nun cortello. Deteñen a muller de Pancho, María Romero Ramos, e condénana a tres anos de cadea. Neste período os fillos pequenos son internados nun orfanato no Pazo de Mariñán e a filla maior de quince anos, Mari Carmen Martínez Romero, acaba en Bermeo na casa da súa tía Remedios Martínez Leira. Preto dalí, no colexio de Zabalbide da orde dos Ángeles Custodios en Bilbao, as fillas dos republicanos eran tratadas como escravas. O sadismo era o principal valor cristián que caracterizaba as monxas desta institución, como se estas meniñas estivesen a redimir as penas de seus pais. O testemuño de Isabel Perales inspirou o último romance de Almudena Grandes, “Las tres bodas de Manolita”. Mari Carmen Martínez Romero morreu con 41 anos, mais grazas á coraxe de Isabel Perales podemos aproximarnos a dura experiencia das familias esgazadas e a de tantas crianzas maltratadas simplemente por seren “semillas de rojos”.

Crónica no Praza Pública sobre Pancho

“Francisco Martínez Leira, Pancho, era el último superviviente de las partidas guerrilleras que operaban en Galicia (…) Con este excepcional servicio de la Guardia Civil se pone fin a unas actividades subversivas de las que desde hace unos años era el único superviviente. Con su muerte queda completamente pacificada la región”. Así o destacaba a nota do Goberno civil da Coruña, de obrigada inserción nos xornais galegos, publicada días despois do asasinato de Francisco Martínez Leira, Pancho, o 31 de decembro de 1954. Hai unhas semanas Pancho foi homenaxeado cunha ofrenda floral no cemiterio de Meá, en Mugardos, xusto na data na que chegaban os 60 anos do seu pasamento. Esta ofrenda foi o inicio dunha serie de actos, organizados polo Ateneo Eumés e o Colectivo Terra, que ao longo deste mes de xaneiro están servindo para afondar no coñecemento da súa figura, á que se lle dedica unha web cunha gran cantidade de información.

“Ese foi o final de Pancho, pero non o foi” -destaca o historiador Bernardo Máiz- “Todos os que somos desta comarca crecemos escoitando falar de Pancho por aquí e de Pancho por alá, igual que noutras zonas de Galicia se falaba do Foucellas ou do Curuxás“. Algúns realizaron as súas últimas accións en 1950 ou 1951, outros agocháronse e morreron uns anos máis tarde, algún mesmo escapou, pero Pancho foi o derradeiro guerrilleiro en activo”.

Para ler a crónica completa:

http://praza.gal/movementos-sociais/8655/pancho-o-derradeiro-guerrilleiro-en-activo/

E a versión en castelán:

http://www.eldiario.es/galicia/Pancho-ultimo-guerrillero-activo_0_348565998.html

Un 22 de xaneiro Pancho botouse ao monte

Tal día como hoxe, un 22 de xaneiro de 1948, Francisco Martínez Leira vese obrigado a fuxir ao monte. Esta efeméride é un magnífico exemplo que esfarela o mito da Galiza submisa e adicta ao Réxime. A pesar de tentaren ocultar o mellor da nosa historia, non o conseguen. O compromiso de máis de 600 guerrilleiros e de 5000 enlaces demostran xusto o contrario. A firme vontade combativa de Pancho érguese como un facho que alumea o presente e sinala o camiño.

Será Ferrol a cidade do Estado onde é realizada a primeira greve. Nela Pancho asumirá unha forte implicación. A conseguinte represión que padece o movemento operario será o motivo que o impulsa a se sumar á guerrilla. Durante eses seis anos de militancia armada realizará diferentes accións de propaganda e sabotaxe. Farto da impunidade dos crimes fascistas, axustizará destacados asasinos. Coñecerá a morte de compañeiros como Gómez Gayoso e Seoane, dirixentes comunistas brutalmente torturados e condenados ao garrote vil. Tamén sentirá o apoio masivo e popular que lle proporcionará comida e acubillo nesta longa batalla pola liberdade.

Pancho eríxese como un referente na autoorganización do noso pobo. Contra as directrices de Moscova e París de abandonar Galiza e ir para o exilio, o noso guerrilleiro permanece fiel aos seus ideais e continúa na loita até a morte. Con trinta e oito anos será abatido por dous gardas civís nunha celada en Ombre. Acharon na súa carteira un poema titulado “Pelexamos”. Ese texto era cantado polo bando republicano e fora composto por Pedro Garfias na Valencia de 1938. Pancho morreu con ese canción no beizos “pelexamos, pelexamos”. Viviu con esa canción nos beizos.

Hoxe como Seoane e Gaioso, nin esquecemos nin perdoamos.
Hoxe como Pancho, pelexamos, pelexamos.
Esa é a mellor homenaxe que lles podemos render.

“Pancho en primeira persoa”, mesa redonda coordinada por Bernardo Maiz con testemuñas directas que coñeceron o último guerrilleiro

O Ateneo Eumés e o Colectivo Terra continúan cos actos no 60 cabodano de Martínez Leira “Pancho”. O próximo venres 23 de xaneiro ás 19:30 no salón de plenos do concello de Mugardos, Bernardo Maiz coordina unha mesa redonda titulada “Pancho en primeira persoa”. Nela xuntaranse familiares, amigos e testemuñas vivas para falar sobre Pancho e renderlle unha homenaxe ao heroico combatente.

Con esta mesa o Ateneo Eumés e o Colectivo Terra queren achegarse ao perfil humano de Pancho e profundizar na dureza da represión franquista contra unha familia leal á democracia e contra un pobo indomábel que apoiaba a loita pola liberdade que lideraba o Exército Guerrilleiro de Galiza.

Algúns destes testemuños serán arrepiantes como o do fillo de Pancho, Manuel, que nunha recente entrevista explicaba a situación familiar após o asasinato do pai: “Á miña nai mandárona desterrada a Valladolid, á miña irmá ao País Vasco, e a nós os dous a un hospicio que estaba no Pazo de Mariñán, recordo todo perfectamente. Estabamos máis de cen nenos, algúns inválidos e dábannos leña a todos. Lavábannos a todos na mesma auga e metíannos a cabeza baixo a agua sucia realmente non sei para que. Eu fiquei traumatizado, si, tempo despois deime conta que o meu carácter vén daqueles anos”.

Outros testemuños explicarán o apoio popular que tiña a guerrilla. Rey Balbís, xefe da IV Agrupación, tiña ben claro que “as guerrillas sobreviviron grazas á coraxe dos seus homes e mulleres, mais sobre todo polo inmenso arraigo que tiñamos no pobo. Iso xerou un apoio sen o cal non poderiamos ter resistido. Non contabamos cunha xeografía que nos amparase, e habiamos de ter bases, puntos de apoio, enlaces, que involucraban a xentes do pobo: homes, mulleres e mesmo crianzas. Incluso había algún que outro cura que nos apoiaba. O pobo galego demostrou ser un pobo verdadeiramente valente, porque aquilo non era unha brincadeira: todo aquel que, dunha ou outra forma, nos apoiaba, estaba a se xogar a vida”.

Os seguintes actos do ciclo “Pancho na memoria” serán o venres 13 de febreiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume) cunha conferencia de Carlos Méixome titulada “Represión e resistencia na Galiza” e durante a que será proxectado o documentario “A cidade da selva”. E concluiremos as actos en homenaxe a Pancho o venres 6 de marzo ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos cunha conferencia de Aurora Marco que falará sobre “As mulleres na guerrilla” e será proxectado o documentario “Silenciadas”.