Aurora Marco, o compromiso guerrilleiro das mulleres

O salón de plenos do concello de Mugardos volveu ficar pequeno para escoitar a intervención de Aurora Marco. A investigadora encetou a palestra confesando a especial ilusión que lle facía estar en Mugardos, pois foi neste concello onde realizou a primeira entrevista a Guillermo Gallego Abeledo. Este encontro daría inicio a un traballo de campo durante cinco anos que a levaría a visibilizar a historia de duascentas mulleres comprometidas coa loita pola liberdade da resistencia antifascista.

A autora de Mulleres na guerrilla antifranquista considera fundamental restituír o nome de “guerrilleiras” fronte o desprezativo de “bandoleras” co que o franquismo tentaba estigmatizalas. Había dúas clases de guerrilleiras: as da chaira e as do monte. As do monte foron as menos. Este era un tipo de compromiso guerrilleiro que as levaba a pasar á clandestinidade. Porén, houbo casos moi salientábeis como o da mugardesa Marita Gallego Abeledo que chegou a ser a única muller comisaria política do Exército Guerrilleiro de Galiza ou o da valdeorresa Consuelo Rodríguez López “Chelo”, única guerrilleira galega viva. Ela será a única supervivente dunha familia ferozmente represaliada. Asasinaron os seus pais, os seus catro irmáns e o seu compañeiro. Desde 1949 vive exiliada en Francia.

As guerrilleiras da chaira é a historia dos enlaces, vitais para a continuidade da guerrilla como Camilo de Dios ou Moncho teñen recoñecido. Contra elas desatouse unha durísima persecución, pois mostraban unha complicidade ideolóxica e un compromiso persoal que o réxime non podía tolerar. Moitas das familias dos guerrilleiros foron deportadas. Por exemplo, os pais de Riqueche mandáronnos para Palencia; os pais de Chone, a súa muller e os seus fillos a Zamora; ou a muller de Pancho a Valladolid.

Aurora Marco viuse obrigada a facer uso das fontes orais, unha técnica historiográfica que permite coñecer a historia dos grupos sociais que se atopan máis arredados das esferas do poder. Subliñou o compromiso de Carmen Filgueiras que consideraba a guerrilla como “unha gran familia”, ela distribuía propaganda por Ferrol e Betanzos, na súa casa deu acubillo á resistencia antifascista e padeceu nove meses de cadea. Alí coñeceu a María José Vázquez Gallego, esta guerrilleira da chaira tiña un refuxio na súa casa de Caamouco, Ares, onde estivo Pancho e se reuniu Gayoso e Seoane. Para concluír tamén lembrou a brutal represión que padeceu tanto a muller como as irmás ou os propios fillos de Pancho.

Nesta ligazón poden ver o documentario íntegro As silenciadas dirixido por Pablo Ces Marco

http://www.cultureunplugged.com/documentary/watch-online/play/11292/As-Silenciadas

Para máis información sobre a represión franquista contra as mulleres

http://www.nomesevoces.net/gl/exposicion/vermellas/

“Mulleres na guerrilla galega”, con Aurora Marco e proxección de “As silenciadas”

O próximo venres 6 de marzo ás 19:30 no no Salón de Plenos do Concello de Mugardos, Aurora Marco falará sobre “As mulleres na guerrilla antifranquista galega” e posteriormente será proxectado o documentario “As silenciadas” dirixido por Pablo Ces. Esta actividade pecha o ciclo “Pancho na memoria” coordinado polo Ateneo Eumés e o Colectivo Terra en homenaxe a Francisco Martínez Leira “Pancho”.
A investigación de Aurora Marco plásmase no libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega, editado Laiovento, no que se recolle a historia de máis de 200 guerrilleiras. O traballo serviu tamén de base para o documentario As silenciadas, centrado en seis desas loitadoras antifranquistas. O filme, dirixido por Pablo Ces, acaba de ser galardoado co premio Memòria i Justícia Universal no III Festival Internacional de Dereitos Humanos de Santa Coloma de Gramenet.

Coa represión, que se xeneralizou coa vitoria dos sublevados en 1939, centos de mulleres comprometidas coa guerrilla antifranquista foron asasinadas, encarceradas, torturadas, violadas, recluídas en campos de concentración; tiveron que partir cara ao exilio nunha viaxe, para algunhas, sen volta ou viviron un exilio interior. A súa é a crónica das silenciadas, porque foron obxecto dunha dupla falta de memoria: por seren desafectas ao novo réxime e pola súa condición feminina.

A represión, que adoptou diversas facianas, foi especialmente cruel coas mulleres, mais as dimensións e a ferocidade dos métodos utilizados coas guerrilleiras foi brutal. Para elas durante moitos anos só houbo silencio, esquecemento e tortura moral, ao facelas pasar non só como bandoleiras, igual que os seus compañeiros de loita, senón tamén como as “queridas”, as amantes dos guerrilleiros. Por iso recuperar os seus nomes, a súa voz, a súa actividade como guerrilleiras do monte ou da chaira significa darlles existencia e desvendar o papel que tiveron na resistencia antifranquista. E é, tamén, unha forma de homenaxealas porque, malia as múltiplas negacións, a súa verdade histórica non se pode nin se debe esquecer.

“Represión e resistencia en Galiza”, conferencia de Carlos Méixome e proxección de “A cidade da selva”

O próximo venres 13 de febreiro ás 19:30 no local do Colectivo Terra (Boa Vista 8, Pontedeume), Carlos Méixome falará sobre “Represión e resistencia en Galiza” e posteriormente será proxectado o documentario “A cidade da selva”. Esta actividade enmárcase no ciclo “Pancho na memoria” coordinado polo Ateneo Eumés e o Colectivo Terra en homenaxe a Francisco Martínez Leira “Pancho”.

Coa palestra de Carlos Méixome, profesor, historiador e director do Instituto de Estudos Miñoranos, queremos aproximarnos ao contexto global da represión franquista e á conseguinte resistencia do noso pobo. Vai ser o equipo arqueolóxico do Instituto de Estudos Miñoranos quen realice os traballos de exhumación desenvolvidos no cemiterio de Grandal (Vilarmaior) durante outubro de 2011 onde apareceron nunha fosa común cinco cadáveres vítimas do franquismo, entre eles o avó do ex-deputado do BNG Francisco Rodríguez.

“A cidade da selva” era o nome dun refuxio para os guerrilleiros antifranquistas ubicado no val de Casaio, na comarca de Valdeorras. Funcionaba como un cuartel onde a comezos dos anos corenta se realizou o Congreso da Selva. Este encontro reuniu máis dun cento de fuxidos de todas as comarcas de Galiza, incluída a do Bierzo. O documentario recolle, a través dos testemuños dos protagonistas, a historia da guerrilla e dos fuxidos. O filme abranxe desde os tempos da República até a morte do último guerrilleiro, no ano 1954, Francisco Martínez Leira. Aparece o testemuño de Juan “Anido”, enlace guerrilleiro deMugardos e grande amigo de Pancho que sofreu seis anos de cadea en Burgos por defender a liberdade.

Pechará o ciclo “Pancho na memoria” a profesora Aurora Marco que falará sobre “As mulleres na guerrilla”, ademais será proxectado o documentario “Silenciadas”. Este actividade será o venres 6 de marzo ás 19:30 no Salón de Plenos do Concello de Mugardos.

Trailer do documentario “A cidade da selva”

http://www.culturagalega.org/avg/extra_audovisual_estreas.php?Cod_extrs=2866

Cal do Barqueiro, a capital da IV Agrupación

Protexida polas Fragas do Eume, a guerrilla ergueu Cal do Barqueiro, base nº1 da IV Agrupación. Ao aumentar a represión no ano 1947, tamén se multiplicou o número de guerrilleiros. Na IV Agrupación decidiron construír máis bases non moi lonxe das casas, algunhas soterradas nas propias vivendas e outras preto dun río como foi neste caso.

Cal do Barqueiro era a capital do movemento de resistencia. Sitúase ao pé do rego da Lagoa (Lavandeira) que ao pouco se xunta co da Igrexa (Xabariz) antes de chegar ao Eume. Estaba formada por varias covas e cabanas. Cavaban no coto do monte, abrían unha gavia, entaboaban con madeira, colocaban unha lona e botaban terra por encima. Medían uns cincuenta metros cadrados. Alí tiñan gardadas unha multicopista, máquinas de escribir, un arquivo e unha emisora portátil. Ademais podían ficar os guerrilleiros que estivesen doentes. Nesta base tiveron o primeiro encontro Pancho e o novo secretario do PC, Sevil. Contan que o guerrilleiro do Eume desconfiaba del por causa do tabaco rubio que fumaba.

Cal do Barqueiro será o derradeiro reduto onde se edite “El Guerrillero-Órgano del Ejército Guerrillero de Galicia”, que chegou até maio de 1950. Nun primeiro momento imprimiuse en Madrid, de Madrid pasou a Coruña, de Coruña a Mugardos e de Mugardos a Cal do Barqueiro no corazón das Fragas do Eume. Era fundamental dar a coñecer os motivos da loita guerrilleira e os esforzos por acabar coa ditadura.

Nas Fragas do Eume houbo numerosas covas e refuxios: no Regueiro de Folgar; na Fraga da Xesta Molar, no Forgoselo; no lugar de Belenxís; no monte Grande, entre Filgueiras e Cernadas; en Fiúnte (Cabalar), cara aos Calzados; en Sanguiñedo (Monfero) e tamén no lugar de Cal do Pastor, entre o Castelo da Pluma e Visura (Monfero); etc. Como reivindica o profesor Domínguez Ferro, debemos “conservar o recordo e a memoria destas xentes porque esta zona foi mui importante na loita antifranquista”.

Xunto á base de Cidade da Selva, nos vales de Casaio, entre as comarcas galegas do Bierzo e Valdeorras, Cal do Barqueiro representa o máximo expoñente dunha Galiza indomábel, antifascista, combatente, lugar de memoria primordial da nosa dignidade colectiva.

As fotos que acompañan este post foron tiradas por Duarte Basoa en Cal do Barqueiro. Agradecémoslle que nolas cedese para a súa divulgación.

Cal do Barqueiro 1

Para máis información:
Fuxidos na Fraga. Episodios da guerrilla antifranquista nas terras do Eume

Fai clic para acceder a Fuxidos_na_Fraga.pdf

Memoria dos fuxidos nas Terras do Eume

http://www.aelg.org/Polafias/ShowVideoPolafia.do;jsessionid=75B3020621C2EE7F96E3A1370BF7194C?id=585

“Non te conformes co que sabes, tenta saber máis cada día. O guerrilleiro que fica para atrás, non é bo guerrilleiro”

Pancho era un heroico guerrilleiro e tamén un bo dirixente do pobo. Pola actualidade destas recomendacións, reproducimos o sétimo punto dun caderno de notas titulado “Ensinanzas útiles para as guerrillas” ocupado pola Guarda Civil a unha unidade antifascista galega:

7ª.-O GUERRILLEIRO ORGANIZADOR E DIRIXENTE DO POBO.- Un guerrilleiro non ten como única misión castigar os asasinos falanxistas e realizar sabotaxes contra o franquismo. Ten que ser ademais un dirixente político e un organizador das masas. Ten que ser o home que, coñecedor dos problemas dos labradores, obreiros e demais camadas da poboación, estea en condicións de orientalas, organizalas e dirixilas na loita contra a canalla franco-falanxista.

Ten que estar en condicións de poder organizar e orientar un grupo de labradores, saber explicar a un católico os obxectivos patrióticos do MOVEMENTO DE RESISTENCIA e como atraelo á loita activa contra Franco e Falanxe. Ten que estar preparado politicamente para dar mitins e palestras aos patriotas das aldeas. Este traballo, ao cal ti talvez concedas unha importancia secundaria, é tanto ou máis importante que unha acción armada contra falanxistas e esbirros de Franco. Para estares en condicións de xogar o teu papel de organizador e dirixente do pobo, tes que te esforzar por elevar a túa preparación. Tes que aproveitar cada minuto libre para estudar e aproveitar cada consello, cada experiencia para te superares máis e máis.

Preocúpate de que se faga vida política no teu Destacamento, que non se abandone a confección do periódico mural e que non se descoide a discusión organizada e colectiva da prensa e demais materiais antifascistas.

Coida os libros e materiais de estudo.

Se dubidas dalgún problema, se para ti non está clara algunha cousa, non vaciles en preguntar. Ninguén naceu aprendido.

Non te conformes co que sabes, tenta saber máis cada día. O que se empoza, fica atrás. E xa sabes que o guerrilleiro que fica para atrás, non é bo guerrilleiro.

O carballo da nosa resistencia. Cartas dos heroes do Exército Guerrilleiro de Galiza

Carta de Manuel Ponte ao embaixador da Gran Bretaña, 5/10/1946

“Señor Embaixador, desculpe a miña falta de expresión literaria. Non son máis que un guerrilleiro, un home que hai dez anos se botou ao monte porque as palabras “rendición” e “capitulación” perante o fascismo non cabían na súa cabeza. Talvez para vostedes sexamos tamén “bandoleros”. Así chamaron os romanos a Viriato. Así chamou Napoleón aos que a golpes de patriotismo defenderon a independencia de España. De calquera xeito que vostede nos xulgue, permítome darlle un consello: repase vostede a nosa historia e verá como os españois non temos alma de escravos. Somos como eses carballos centenarios de Galiza que tronzados polo lóstrego, esgazados e sen pólas, tarde ou cedo agroman puxantes e frondosos, porque teñen as raíces cravadas nesta terra tan viril. E así é o carballo da nosa resistencia”.

Carta de Segundo Vilaboy ao Partido Comunista en Galiza, 17/12/1947

“Desde o día que me colleron (sen sentido, porque con vida xamais me deixaría atrapar), non lles importou que estivese case moribundo. Primeiro foron os “interrogatorios” de 12 a 14 horas até que esgotado perdía o coñecemento. E cando viron que con palabras e promesas nada tiraban de min, comezaron as torturas. As miñas mans ou pés nin eu mesmo as coñezo. Estiven 15 días que non podía mexar máis que sangue. Con todo, resistín e resisto sen flaquexar. Cando, en troca de me converter en delator, me prometían respectar a miña vida, curarme, darme abundante diñeiro para me ir ao estranxeiro, o mesmo que, cando a sangrar e case sen vida, me berraban “Cantas ou matámoste!”, a miña resposta foi e será a mesma: Poderedes quitarme a vida, mais non a dignidade!”

Carta de Gayoso e Seoane aos guerrilleiros da IV Agrupación, 6/11/1948

“Os facinorosos que tantos crimes e atrocidades cometen, non se resignan a desaparecer. De estaren perdidos eles están ben certos. Por iso caen nas súas poutas. Mais fracasaron e fracasarán mil veces, morderán a poeira da derrota moi cedo e Galiza, esta terra mártir e heroica onde nacemos e pola que gustosos damos a vida, verá brillar o sol da liberdade e da verdadeira xustiza de monte a monte e de mar a mar. Ao chegar ese día que logo chegará, só vos pedimos que non vos domine o espírito de vinganza, mais facede xustiza. Non esquezades nin perdoedes os vitimarios do noso pobo”.

(Na imaxe superior, o carimbo do Exército Guerrilleiro de Galiza)